Español / Galego
Protocolo
O protocolo de traballo é sinxelo. Soamente necesitamos dun pequeno espazo no teu domicilio para poder instalar un dos nosos detectores durante dúas noites consecutivas.
Se a túa xanela ten unha soleira, ou tes unha terraza ou un balcón, ou calquera espazo onde se poida instalar un destes detectores poderás colaborar neste proxecto. É válida calquera localización sempre que estea orientada a un espazo aberto. Queremos avaliar tanto medios puramente urbanos como zonas verdes, zonas de nova construción ou zonas antigas, etc. Canta máis diversidade no medio, máis información!.
Unha vez teñas contactado connosco avaliaremos a túa localización dentro da rede da túa zona. Logo, simplemente farémosche unha primeira visita para entregarche o detector e explicarche unhas nocións básicas para a súa instalación. Dúas noites despois realizaremos unha segunda visita e recolleremos o detector. Xa terías posto o teu gran de area!. Logo queda o máis complexo, analizar as gravacións. Informarémosche dos resultados dispoñibles e poñeremos esa información na web.
Cada un destes detectores AudioMoth está configurado para a gravación de ultrasóns na contorna da súa localización nun período determinado. Deste xeito, unha vez que se acenda o detector, o período de gravación comezará ao redor das 21:00 h e tomará datos ata as 02:00 h. Durante o resto do día, o detector non rexistra ningún tipo de información. Cando se inicie o período de rexistro gravaranse varios clips de 5 segundos con 5 segundos de espera entre rexistros. Isto pode supoñer máis de 1.500 gravacións nunha noite!