Español / Galego

Quen voa sobre o meu tellado?


Esa é precisamente a pregunta que nos faciamos. Nestes anos que levamos de proxecto xa temos acumulados varios xigas de grabacións. Pouco a pouco iremos analizando estes datos e incorporando a información obtida á nosa web...para que poidades estar ao tanto de que especies voa sobre os vosos tellados.

Xa levamos máis de 10 especies detectadas en todas as estacións. Delas, as máis frecuentes son o morcego común (Pipistrellus pipistrellus) e o morcego de Cabrera (Pipistrellus pygmaeus). Pero tamén atopamos sorpresas...especies non habituais nos medios urbanos, como o morcego das fragas (Barbastella barbastellus) ou o nóctulo pequeno (Nyctalus leisleri).

Especies.png

Morcego común

O morcego común ou anano (Pipistrellus pipistrellus), como o seu nome ben indica, é un morcego de pequeno tamaño habitual nos medios urbanos (e outros). Adoita verse circunvoar os farois das cidades na procura de insectos dos que se alimenta.

Morcego de Cabrera

O morcego de Cabrera é a especie de quiróptero máis pequena da nosa fauna, de aí o seu nome científico (Pipistrellus pygmaeus). É "primo" do morcego común, e ata fai pouco eran considerados a mesma especie. Curiosamente o zoólogo Ángel Cabrera xa describira esta especie polos seus caracteres morfolóxicos a principios do século XX. É na súa honra polo que esta especie recibe o seu nome. 

Imaxe: Evgeniy Yakhontov

Nóctulo pequeno

O nóctulo pequeno ou morcego de Leisler (Nyctalus leisleri) recibe o seu nome na honra ao naturalista Johann Philipp Achilles Leisler.

Esta especie está vencellada a bosques caducifolios con abundancia de árbores vellas, con ocos onde pode atopar refuxio. Pero tamén pode adaptarse a áreas urbanas, atopando refuxio a miúdo en edificios.

Morcego das fragas

O morcego das fragas (Barbastella barbastellus), como o seu nome ben indica, é unha especie habitual das nosas fragas. Refúxiase principalmente en árbores vellas, pero tamén o fai en casas e refuxios subterráneos, neste último caso sobre todo en inverno.

Coa colaboración de

DepCor_cor_horiz.png